5.1. Presentación do material


Este é un espazo dedicado aos profesores e profesoras ou a calquera persoa que queira coordinar unha actividade seguindo este blog.

Trátase dunha creación web con tres grandes obxectivos:
1) Informar sobre a violencia de xénero nas súas múltiples formas.
2) Previr a aparición deste tipo de violencia mediante o coñecemento do seu comportamento e manifestacións.
3) Vehiculizar os dous obxectivos anteriores a través da lingua galega fomentando a súa aprendizaxe e perfeccionamento.

Para achegarse a uns coñecementos mínimos sobre a violencia de xénero deseñouse o apartado 2. Iso da violencia de xénero, onde se pode atopar información sobre o tema desde diversas perspectivas.

Por outro lado creouse unha actividade consistente nunha exposición-concurso de carteis sobre violencia de xénero xa que o cartel é un valioso recurso para propiciar a formación de condutas positivas. Toda a parte do traballo dedicada á análise do cartel parte do artigo "El cartel en la educación" do mexicano Guillermo Roquet García onde se explica a planificación, deseño e produción do cartel no ámbito educativo. Para a exemplificación de carteis realizados por alumnas e alumnos utilizouse o volume A miña visión sobre a violencia de xénero publicado polo concello de Santiago.
Esta actividade pretende que os alumnos e as alumnas aprendan a deseñar un cartel tanto desde a perspectiva plástica, como desde a perspectiva lingüística (co tratamento do slogan) mentres reforzan a interiorización daquilo que aprenderon no apartado 2.
Entre unha exposición e un concurso-exposición elixiuse a segunda opción porque o feito de ter que cubrir a papeleta de voto obriga a unha análise máis consciente dos diferentes carteis e ademais serve para concienciar a todos os membros do centro educativo (alumnado, persoal docente e persoal de administración e servizos) independentemente da súa partición ou non na actividade.

Agardando que o material lles sexa de proveito.
Saúdaos.

Pilar Ponte

No hay comentarios: