2.7. A VDX na Historia

A violencia de xénero non sempre foi considerada como algo negativo que debemos condenar, evitar e castigar.


Ao longo da historia a violencia de xénero estivo lexitimada lexislativamente, velaquí algúns exemplos:

Na Idade Antiga
A lei romana substitúe os procesos públicos xudiciais no castigo da adúltera pola vinganza privada, permitíndolle ao marido matar a muller.


Na Idade Media
Nos casos de adulterio e esterilidade feminina o home quedaba exento de penalidade en caso de homicidio e permitíaselle a escravización ou venda da muller.


Na Idade Moderna
Pensábase que nunha violación, o embarazo demostraba consentimento por parte da muller.

Na Idade Contemporánea
O deber conxugal autorizaba o marido a facer uso da violencia nos límites impostos pola “natureza”, polos costumes e polas leis, sempre que se tratase de actos do matrimonio. Asemade existía a obriga de que o violador pagara unha dote, considerando este feito como xeito de compensar a vítima ou a súa familia para favorecer o matrimonio.
O Código Penal español de 1870 recollía a vinganza de sangue como unha facultade criminal que lles era concedida aos pais e maridos para matar as súas fillas, as esposas e os homes que xacían con elas.
Debemos ter en conta que a figura do marido como cabeza de familia e a necesidade de licenza marital non desapareceron en España ata a Reforma do Código Civil de 1975.


Ata hai poucos anos este tipo de violencia nin sequera era considerado delito, nin se recollían datos sobre a súa incidencia, considerábase un tema privado que debía ser ocultado. Isto tiña unha tripla consecuencia:
- o desamparo da muller vítima,
- a impunidade do agresor, e
- a tolerancia social.
Estes datos demostran como a violencia de xénero é unha consecuencia directa dun sistema social patriarcal baseado na obediencia e subordinación das mulleres respecto dos homes, e sustentado por estruturas e costumes sociais que a levan alentando e lexitimando durante séculos.
A evolución da violencia contra as mulleres ao longo da historia axúdanos a decatarnos da importancia que ten que sexamos conscientes que estamos ante un problema de carácter social que nos afecta a todos como membros da comunidade.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Encántame a páxina :D Axudoume moito nun traballo :D
Haber se damos acabado coa violencia de xénero :D
Un bico