2.2. Definición da VDX

A Asemblea Xeral das Nacións Unidas definiu a violencia contra a muller como:
"Todo acto de violencia baseado na pertenza ao sexo feminino que teña ou poida ter como resultado un dano ou sufrimento físico, sexual ou psicolóxico para a muller, así como as amenazas de tales actos, a coacción ou a privación arbitraria da liberdade, tanto se se producen na vida pública como na vida privada."

Son varias as formas que temos de nos referir a este tipo de condutas, entre outras:
- violencia contra a muller,
- violencia de xénero, ou
- violencia machista.

Déamoslle o nome que lle deamos, este tipo de violencia presenta dúas características que a diferenzan doutros tipos de violencia:

- É unha violencia de carácter universal, porque se produce en todas as culturas, non entende de fronteiras, de idades nin de razas.
- É unha violencia de carácter transversal, porque se produce en todas as clases sociais sen distinción de nivel cultural nin posición económica.

Agora realiza as actividades 3, 4 e 5.
____________________________

ACTIVIDADE 3: Explica coas túas palabras no folio o que cres que é a violencia de xénero. Depois unha compañeira ou un compañeiro deberá explicarlle coas súas palabras a todo o grupo o que é a violencia de xénero.

ACTIVIDADE 4: Velaquí tes 15 afirmacións, copia no folio só aquelas que consideres que son certas. Cando remate todo o grupo facede unha posta en común coas vosas respostas.

1. O maltrato só o sofren mulleres cunhas características determinadas de personalidade ou con problemas psicolóxicos.
2. Aos homes agresores notáselles no seu aspecto, non teñen boa imaxe, son agresivos, faltos de educación.
3. A violencia de xénero dáse tanto entre ricos coma entre pobres.
4. Ser maltratada é unha vergoña para calquera muller.
5. Os homes son violentos por natureza.
6. As mulleres, con frecuencia, cos seus comportamentos provocan as agresións que reciben.
7. Os malos tratos son asuntos privados sen transcendencia social.
8. Non hai nada que xustifique que unha muller sexa agredida.
9. Os homes que maltratan teñen problemas psicolóxicos.
10. O comportamento dos maltratadores depende do comportamento da muller coa que conviven.
11. Hai casos de graves de infidelidade en que os malos tratos están xustificados.
12. A violencia de xénero prodúcese en todos os continentes.
13. O alcol, as drogas, o paro, os problemas laborais, son a causa das agresións.
14. Esta violencia dáse en parellas con baixo nivel sociocultural e económico.
15. Cando unha muller consente unha relación de maltrato é porque quere.

ACTIVIDADE 5: Responde estas cuestións no folio.
  1. Por que a violencia de xénero é universal?
  2. Por que a violencia de xénero é tranversal?
*Non esquezas gardar o folio na funda de plástico ao final de cada sesión.

No hay comentarios: